22 de dezembro de 2010

O Galo (pasodobre)

Melodía de grande popularidade en todo o País e con numerosas letras, sendo a máis coñecida a que lle dá nome:

"O Galo cando canta é día,
imos de varanda,
imos todo o día"

Aquí recollemos a versión que desta peza fan Os Campaneiros.

17 de dezembro de 2010

Muiñeira do Molete

O nome "Molete" non é único desta muiñeira. Varias melodías distintas comparten esta mesma denominación, que fai referencia ao baile que acompaña. Dánzase cun molete de pan sobre a cabeza, de xeito moi similar ao que se adoita facer nas vodas coa regueifa.

En concreto, esta muiñeira formaba parte do repertorio da maioría dos gaiteiros d'A Coruña.

15 de dezembro de 2010

Danza de Ribadavia

Casto Sampedro (1848-1937) foi un importante avogado e musicólogo de Redondela, creador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. Esta Institución foi a primeira en recoller melodías populares de xeito científico e sistemático.

O Cancioneiro Musical de Galicia, amosa o traballo de toda unha vida dun grupo de persoas, centradas entorno ao bon facer de Casto Sampedro. Esta melodía é unha das interesantes danzas que se recollen nel.

13 de dezembro de 2010

Muiñeira

Peza orixinal de Xesús Vázquez Pedrares, gaiteiro d'Os Cinco de Galicia. Destaca a coherencia entre as partes, o que lle aporta unha unidade e unha beleza singulares.

5 de dezembro de 2010

Pasodobre de San Roque

O pasodobre máis bailado en Galiza. Os Irmáns Portela aprenderon esta peza d'Os Morenos de Lavadores, quen a tocaban nas festas de San Roque (Vigo) co nome de "Aires de Galicia". Ademais, como ben sabedes, Ricardo Portela foi alumno de Xosé Oliveira "O Moreno".

Os Dezas de Moneixas tamén empregaron algunha das melodías que contén este pasodobre.

29 de novembro de 2010

Muiñeira do Areal

Muiñeira obrigada no repertorio gaiteiro. Como adoita acontecer coas melodías máis estendidas, estas acaban por coñecer infinitas variacións. Aquí reflexamos a peza tal e como a tocaban Os Areeiras.

Os Campaneiros tocaban unha versión moi semellante cun título ben fermoso: "Muiñeira Albariña de Cambados".

23 de novembro de 2010

Xota de Arbo

Ao longo de todo o século XX, houbo un influxo constante entre os coros e os cuartetos. Os cuartetos fornecían de gaiteiros aos coros e os coros aportaban novas melodías e repertorio aos gaiteiros.

Esta relación de mutualismo refléxase en pezas como esta, repertorio d'Os Enxebres de Arbo, onde a parte cantabile tamén a conteñen foliadas como a de Velle (Coral de Ruada).

15 de novembro de 2010

Muiñeira vella de Mórdomo

A Costa da Morte amosa tamén a súa beleza a través da música. Esta muiñeira de corte tristón fai gala da riqueza cultural desta terra brava.

9 de novembro de 2010

Pasodobre de Pastoriza

Pasodobre estendido por toda Galiza, orixinario de terras chairegas, segundo evoca o seu nome.

6 de novembro de 2010

A Criada do Cura (muiñeira)

Outra mostra do repertorio do gaiteiro de Visma, Henrique Ambite. A primeira parte amosa un certo paralelismo con outra peza cascarilleira ben soada: a Muiñeira do Molete.

4 de novembro de 2010

Codeo do Espantallo (muiñeira)

Outra melodía moi coñecida na bisbarra d'As Mariñas. Ten a particularidade de contar cun compás máis en cada fraseo da primeira parte, sumando 20 (10+10) no canto dos habituais 16 (8+8).

3 de novembro de 2010

Á entrada da festa (pasodobre)

Moitos pasodobres galegos introducen unha parte de muiñeira que enriquece e aviva a composición, algo que tamén se deixa sentir no baile.

Interesante melodía do repertorio d'Os Ismaeles de Redondela que amosa esta amalgama.

2 de novembro de 2010

Muiñeira de Monterrei

Fermosa muiñeira con claro selo campaneiro, tanto polos saltos que contén como pola espera de catro compases, sempre aproveitada por Celestino para lucir as súas artes no tamboril.

1 de novembro de 2010

A Revolta (pasacorredoiras)

Outro pasacorredoiras d'Os Areeiras de Catoira.

No remate é a segunda voz a que fica na nota RE.

31 de outubro de 2010

Muiñeira Mariñana

Esta muiñeira, integrada en cáseque todos os repertorios dos grupos das Mariñas, moitas alegrías ten dado ao ser interpretada polos cuartetos en alboradas e romarías. Tamén serve de base aos mestres de baile para lles ensinar os primeiros puntos aos seus pupilos.

28 de outubro de 2010

Valse de Taramundi

Xosé Manuel Seivane é dobremente gaiteiro: gaiteiro intérprete e gaiteiro construtor. Toda unha vida adicada ao instrumento de noso. É por isto que as gaitas da súa manufactura están presentes en todo o mundo.

Tomamos do seu repertorio este sinxelo e fermoso valse da parte oriental de Galiza.

27 de outubro de 2010

Muiñeira de Outeiro

Esta muiñeira contén fraseos que, con lixeiras variacións, están presentes noutras pezas de repertorios distintos. Isto é algo habitual, especialmente cando unha melodía ten éxito entre os gaiteiros.

26 de outubro de 2010

Ao saír para a romaría (xota)

A xota galega flúe en constante ligazón coa foliada, por iso moitos dos seus fraseos convidan a seren asubiados, moi melodiosos, cantábiles.

Tal é o caso desta peza, cuxo título xa o di todo: alegre e vivaz, propia para troulear nun día de romaxe.

25 de outubro de 2010

Muiñeira do Olvido

O gaiteiro a través do seu instrumento é quen de poñerlle música aos sentimentos máis fondos.

Henrique Ambite deu boa mostra disto ao compoñer esta muiñeira para o pasamento dun amigo seu.

24 de outubro de 2010

Mazurca

Os Areeiras de Catoira, que orixinalmente tocaban esta mazurca con dúas partes, viron con bos ollos engadirlle outra (a primeira), proposta por Xosé Vicente Ferreirós.

23 de outubro de 2010

Reviravolta (muiñeira)

Outra vivaz composición de Nazario González Iglesias, "Moxenas". Propia para ser tocada con gaita e tamboril.

22 de outubro de 2010

Polca do Bliadoiro

Máis unha peza d'Os Areeiras.

No remate é a segunda voz a que fica na nota RE.

8 de outubro de 2010

Muiñeira do Carballal

Melodía popular en todo o Courel. Reparade ben nos silencios entre as partes.

3 de outubro de 2010

Pasodobre de Guisoi

Outra peza do repertorio dos Areeiras. Este é un dos seus temas máis coñecidos.

28 de setembro de 2010

De Xermaña a Caión (xota)

Xota composta polo gaiteiro coruñés Henrique Ambite, nado no lugar das Bouzas, parroquia de San Pedro de Visma.

Ambite, que quedou cego na última etapa da súa vida, tocaba tamén o clarinete. Foi membro do cuarteto "Os do Couto" e tamén do Ballet Galego Rei de Viana.

A peza fai referencia a un lindo percorrido por dous lugares costeiros do Concello da Laracha.

27 de setembro de 2010

Carmela (muiñeira)

Muiñeira moi estendida na bisbarra das Mariñas. Resulta frecuente escoitala entre os gaiteiros nas alboradas e tamén tocada para o baile.

26 de setembro de 2010

Pasacorredoiras

Outro pasacorredoiras co que Xan de Campañó adoitaba alegrar as celebracións do Corpus de Pontevedra.

25 de setembro de 2010

Lévame, lévame (muiñeira)

Muiñeira moi coñecida e gravada por numerosos grupos. Os Campaneiros foron os primeiros en dala a coñecer. Un bo exemplo de como algunhas persoas van esquecendo a orixe das cousas...

24 de setembro de 2010

Foliada de Avión

A Coral de Ruada é un dos catro coros históricos que aínda perduran. Naceu en Ourense en 1919. Abranguía canto, baile, teatro, pintura... unha proposta colectiva para darlle vida ao noso ser diferencial.

Polos coros pasaron os persoeiros máis sinalados do século XX. No caso de Ruada: Camilo Díaz Baliño, Xabier Prado "Lameiro", Vicente Risco e os músicos Daniel González, Faustino Santalices e Manuel de Dios, entre outros.



Esta é unha brava foliada, con auténticos refráns populares na letra. Gravada en 1929 pola casa Columbia cunhas gorxas poderosas.

23 de setembro de 2010

Pasodobre de Afinación

Os Areeiras foron, xunto cos Campaneiros, un dos cuartetos máis importantes non só na terra do Albariño, senón en todo o País.

O grupo formábano varios membros da familia Sumai, onde Ramón, un dos gaiteiros, compoñía moitos dos temas que interpretaban. Esta é unha boa mostra da súa creatividade.

21 de setembro de 2010

Muiñeira de Froxán

En Froxán celébrase cara o nadal a Pisa da Castaña, unha festa que reivindica o xeito tradicional de traballar as castañas.

Esta muiñeira, moi estendida pola zona oriental de Galiza, conta con multitude de versión. Quizais sexa esta unha das máis xenuinas.

18 de setembro de 2010

Danza de Cambados (muiñeira)

Os Campaneiros de Vilagarcía foron un dos mellores cuartetos de gaiteiros que houbo en toda Galiza. Conseguiron crear o seu propio estilo e marcar tendencia nos gaiteiros de hoxe en día. O seu repertorio distínguese ben, tanto polo alegre como pola emoción que desprenden as súas melodías.

Formábano os irmáns Xosé e Ramón Valiñas, o primeiro deles posiblemente autor de varias das melodías que interpretaban.

17 de setembro de 2010

Pasacorredoiras

Peza do repertorio do gaiteiro pontevedrés Xan Tilve Castro (1872-1950), máis coñecido por Xan de Campañó, quen a utilizaba sempre para acompañar as imaxes no Corpus de Pontevedra.

O estudoso José Luis Calle comenta que existe unha gravación bastante deteriorada, xa nos últimos anos da súa vida, na que interpreta as clásicas melodías do Corpus.

16 de setembro de 2010

Xota de Alvite

Peza do repertorio de Xesús Espido, gaiteiro de Alvite (Vilasantar), e recollida polo Grupo de Gaitas Asubío.

15 de setembro de 2010

Muiñeira de Cabana

Moito se ten especulado sobre a autoría desta peza, incluso téñense feito apropiacións indebidas. A autoría é con toda seguridade de Manuel Figueroa Moreira "Manuel do Bosque", gaiteiro e artesán, natural deste lugar da parroquia de Cesullas (Cabana de Bergantiños).

Adolfo Anta e Saturnino Cuíñas coñeceron ben de perto a vida e obra deste home e non quixeron que ficase sen divulgar. Eles son os principais valedores para defendermos a autoría desta muiñeira.

14 de setembro de 2010

Xota da Guía

Esta xota, moi estendida por todo o País, fala dun lugar sinalado de Vigo: o monte da Guía, famoso polas súas vistas sobre a ría, a súa igrexa adicada á Nosa Señora das Neves e pola súa fermosa carballeira.

Repertorio dos Irmáns Portela.

13 de setembro de 2010

Pasodobre de Sárdoma

Nazario González Iglesias, "Moxenas", foi un gaiteiro vigués membro, entre outros, dos grupos Vento das Cíes, Lembranzas Galegas e Muxicas. Nestes dous últimos, formou parella gaiteira con Xosé Manuel Fdez. Costas.

"Moxenas" destacaba pola súa grande creatividade á hora de enxarmar melodías. Proba disto é este pasodobre adicado ao seu lugar de nacemento, a viguesa parroquia de Sárdoma.

11 de setembro de 2010

Xota de Pontevedra

Unha nova peza do repertorio de Xan Macías.

É clave interpretar con rigor os tresiños da primeira parte. Reparade tamén en que as notas previas aos silencios da segunda parte son negras, logo cómpre non sesgalas demasiado.

8 de setembro de 2010

Muiñeira

Xesús V. Pedrares foi un gaiteiro de Negreira, membro de varias agrupacións coruñesas como Os Cinco de Galicia ou Cántigas da Terra.

Esta vivaz muiñeira, gravada con Cántigas, dá conta do seu bo gusto tanto no compoñer como no tocar. Tamén foi sonada a súa retranca:

- Xesús, e a alborada foi longa?
- Longa, longa, non... pero ancha...

7 de setembro de 2010

Pasodobre de Viascón

Fermoso e coñecido pasodobre das terras de Cotobade. Alí naceron Xesús e Ricardo Portela, os Irmáns Portela, quen tocaban este pasodobre alegrando alboradas e romarías por todo o País.

Reparade ben que no compás 33 hai unha nota que non vai por terceiras. Afellas que é así. Este fenómeno non é único nos Irmáns Portela, pois algo similar acontece noutro pasodobre tan soado como é o de San Roque.

6 de setembro de 2010

Xota de Montrove

Montrove sitúase nun alto do concello de Oleiros. É por isto que os de Perillo, veciños seus de embaixo, berran:

"Arde Perillo...
fumegha Montrove!!"

Esta peza é moi popular entre os gaiteiros da Coruña e arredores. A repetición de notas dos compases 14, 18, 22 e 26 sóese executar cun batemento moi lixeiro, propio dos gaiteiros mariñáns.

5 de setembro de 2010

Valse do Firma

Como case que todos os ritmos importados, o valse adquiriu na nosa Terra un xeito propio de expresión. Nesta peza pódese comprobar tal fenómeno, en especial simbiose coa foliada.

Repertorio d'Os Morenos de Lavadores.

3 de setembro de 2010

A Castelá (Carballesa)

A Carballesa é un baile ben coñecido no tercio oriental de Galiza. Este en concreto tocábao Xan Macías, gaiteiro de Viana do Bolo, coñecido especialmente polas súas actuacións cos Gaiteiros de Soutelo na emigración en Caracas. Nesta carballesa, o gaiteiro ía acelerando o tempo da peza ata que os danzantes non eran quen de o seguir.

18 de agosto de 2010

Muiñeira

Muiñeira vivaz e alegre propia para o baile. Ideal para ser interpretada con dúo de gaita e tamboril.

Repertorio da Agrupación Rosalía de Castro de Madrid. Este coro con corpo de baile foi fundado no 1923, tendo como primeiro director a Reveriano Soutullo.