14 de abril de 2011

Muiñeira do Século XII

Xan Macías, orixinario de Viana do Bolo, veu para A Coruña onde formou parte d'Os Catro de Galicia. Orixinalmente tomaron este nome xa que os membros procedían de cadansúa provincia. Eles foron os predecesores do coñecido grupo Os Cinco de Galicia.

Logo de traballar para o Concello d'A Coruña, emigrou a Venezuela onde tocou con Castor Cachafeiro (un dos Gaiteiros de Soutelo) na Irmandade Galega de Caracas. Alí aprendeu esta muiñeira de tan chamativo nome, posto probabelmente polo propio Castor.

6 de abril de 2011

Valse de Vergara

Manuel López Vergara, gaiteiro de Ferrolterra, percorreu enchendo de música todas as parroquias da bisbarra co seu grupo familiar "Os Vergara". Tamén fixo parella gaiteira con Constantino Bellón no Coro Toxos e Froles, onde gravaron varios discos.

Do repertorio de seu destacamos este valse para que non fique no esquecemento, en contraste coa famosa rumba que leva o seu nome, bastante deturpada por grande parte dos gaiteiros.


Este valse moi probábelmente non fose orixinal para gaita, mais si adaptado, pois ao final da primeira parte presenta un salto que denota exceder a tesitura.