28 de setembro de 2010

De Xermaña a Caión (xota)

Xota composta polo gaiteiro coruñés Henrique Ambite, nado no lugar das Bouzas, parroquia de San Pedro de Visma.

Ambite, que quedou cego na última etapa da súa vida, tocaba tamén o clarinete. Foi membro do cuarteto "Os do Couto" e tamén do Ballet Galego Rei de Viana.

A peza fai referencia a un lindo percorrido por dous lugares costeiros do Concello da Laracha.

27 de setembro de 2010

Carmela (muiñeira)

Muiñeira moi estendida na bisbarra das Mariñas. Resulta frecuente escoitala entre os gaiteiros nas alboradas e tamén tocada para o baile.

26 de setembro de 2010

Pasacorredoiras

Outro pasacorredoiras co que Xan de Campañó adoitaba alegrar as celebracións do Corpus de Pontevedra.

25 de setembro de 2010

Lévame, lévame (muiñeira)

Muiñeira moi coñecida e gravada por numerosos grupos. Os Campaneiros foron os primeiros en dala a coñecer. Un bo exemplo de como algunhas persoas van esquecendo a orixe das cousas...

24 de setembro de 2010

Foliada de Avión

A Coral de Ruada é un dos catro coros históricos que aínda perduran. Naceu en Ourense en 1919. Abranguía canto, baile, teatro, pintura... unha proposta colectiva para darlle vida ao noso ser diferencial.

Polos coros pasaron os persoeiros máis sinalados do século XX. No caso de Ruada: Camilo Díaz Baliño, Xabier Prado "Lameiro", Vicente Risco e os músicos Daniel González, Faustino Santalices e Manuel de Dios, entre outros.



Esta é unha brava foliada, con auténticos refráns populares na letra. Gravada en 1929 pola casa Columbia cunhas gorxas poderosas.

23 de setembro de 2010

Pasodobre de Afinación

Os Areeiras foron, xunto cos Campaneiros, un dos cuartetos máis importantes non só na terra do Albariño, senón en todo o País.

O grupo formábano varios membros da familia Sumai, onde Ramón, un dos gaiteiros, compoñía moitos dos temas que interpretaban. Esta é unha boa mostra da súa creatividade.

21 de setembro de 2010

Muiñeira de Froxán

En Froxán celébrase cara o nadal a Pisa da Castaña, unha festa que reivindica o xeito tradicional de traballar as castañas.

Esta muiñeira, moi estendida pola zona oriental de Galiza, conta con multitude de versión. Quizais sexa esta unha das máis xenuinas.

18 de setembro de 2010

Danza de Cambados (muiñeira)

Os Campaneiros de Vilagarcía foron un dos mellores cuartetos de gaiteiros que houbo en toda Galiza. Conseguiron crear o seu propio estilo e marcar tendencia nos gaiteiros de hoxe en día. O seu repertorio distínguese ben, tanto polo alegre como pola emoción que desprenden as súas melodías.

Formábano os irmáns Xosé e Ramón Valiñas, o primeiro deles posiblemente autor de varias das melodías que interpretaban.

17 de setembro de 2010

Pasacorredoiras

Peza do repertorio do gaiteiro pontevedrés Xan Tilve Castro (1872-1950), máis coñecido por Xan de Campañó, quen a utilizaba sempre para acompañar as imaxes no Corpus de Pontevedra.

O estudoso José Luis Calle comenta que existe unha gravación bastante deteriorada, xa nos últimos anos da súa vida, na que interpreta as clásicas melodías do Corpus.

16 de setembro de 2010

Xota de Alvite

Peza do repertorio de Xesús Espido, gaiteiro de Alvite (Vilasantar), e recollida polo Grupo de Gaitas Asubío.

15 de setembro de 2010

Muiñeira de Cabana

Moito se ten especulado sobre a autoría desta peza, incluso téñense feito apropiacións indebidas. A autoría é con toda seguridade de Manuel Figueroa Moreira "Manuel do Bosque", gaiteiro e artesán, natural deste lugar da parroquia de Cesullas (Cabana de Bergantiños).

Adolfo Anta e Saturnino Cuíñas coñeceron ben de perto a vida e obra deste home e non quixeron que ficase sen divulgar. Eles son os principais valedores para defendermos a autoría desta muiñeira.

14 de setembro de 2010

Xota da Guía

Esta xota, moi estendida por todo o País, fala dun lugar sinalado de Vigo: o monte da Guía, famoso polas súas vistas sobre a ría, a súa igrexa adicada á Nosa Señora das Neves e pola súa fermosa carballeira.

Repertorio dos Irmáns Portela.

13 de setembro de 2010

Pasodobre de Sárdoma

Nazario González Iglesias, "Moxenas", foi un gaiteiro vigués membro, entre outros, dos grupos Vento das Cíes, Lembranzas Galegas e Muxicas. Nestes dous últimos, formou parella gaiteira con Xosé Manuel Fdez. Costas.

"Moxenas" destacaba pola súa grande creatividade á hora de enxarmar melodías. Proba disto é este pasodobre adicado ao seu lugar de nacemento, a viguesa parroquia de Sárdoma.

11 de setembro de 2010

Xota de Pontevedra

Unha nova peza do repertorio de Xan Macías.

É clave interpretar con rigor os tresiños da primeira parte. Reparade tamén en que as notas previas aos silencios da segunda parte son negras, logo cómpre non sesgalas demasiado.

8 de setembro de 2010

Muiñeira

Xesús V. Pedrares foi un gaiteiro de Negreira, membro de varias agrupacións coruñesas como Os Cinco de Galicia ou Cántigas da Terra.

Esta vivaz muiñeira, gravada con Cántigas, dá conta do seu bo gusto tanto no compoñer como no tocar. Tamén foi sonada a súa retranca:

- Xesús, e a alborada foi longa?
- Longa, longa, non... pero ancha...

7 de setembro de 2010

Pasodobre de Viascón

Fermoso e coñecido pasodobre das terras de Cotobade. Alí naceron Xesús e Ricardo Portela, os Irmáns Portela, quen tocaban este pasodobre alegrando alboradas e romarías por todo o País.

Reparade ben que no compás 33 hai unha nota que non vai por terceiras. Afellas que é así. Este fenómeno non é único nos Irmáns Portela, pois algo similar acontece noutro pasodobre tan soado como é o de San Roque.

6 de setembro de 2010

Xota de Montrove

Montrove sitúase nun alto do concello de Oleiros. É por isto que os de Perillo, veciños seus de embaixo, berran:

"Arde Perillo...
fumegha Montrove!!"

Esta peza é moi popular entre os gaiteiros da Coruña e arredores. A repetición de notas dos compases 14, 18, 22 e 26 sóese executar cun batemento moi lixeiro, propio dos gaiteiros mariñáns.

5 de setembro de 2010

Valse do Firma

Como case que todos os ritmos importados, o valse adquiriu na nosa Terra un xeito propio de expresión. Nesta peza pódese comprobar tal fenómeno, en especial simbiose coa foliada.

Repertorio d'Os Morenos de Lavadores.

3 de setembro de 2010

A Castelá (Carballesa)

A Carballesa é un baile ben coñecido no tercio oriental de Galiza. Este en concreto tocábao Xan Macías, gaiteiro de Viana do Bolo, coñecido especialmente polas súas actuacións cos Gaiteiros de Soutelo na emigración en Caracas. Nesta carballesa, o gaiteiro ía acelerando o tempo da peza ata que os danzantes non eran quen de o seguir.